O pasado xoves tivemos a sorte de volver contar coa presenza das Áureas, un conxunto “internacional” que xa nos visitara no ano 2017 e que regresou cun concerto cheo de vida e de enerxía. Nesta ocasión, o escenario foi a Praza da Memoria, o pequeno espazo verde situado baixo a biblioteca, que se encheu de música, baile e sorrisos.
Áureas é unha charanga dos anos 20 que recupera os ritmos bailables da época: polcas, composicións brasileiras, ecos galegos e moito máis. Cordas, ventos e percusión mestúranse para ofrecer unha viaxe musical nos tempos felices do comezo do século pasado. En escena, unha arxentina, unha polaca, unha brasileira e unha galega únense baixo un mesmo fío: a música, a emigración e a liberdade.
O concerto tivo tamén un compoñente teatral e improvisado, grazas ás propostas que o público fixo chegar antes de que comezase o espectáculo. Así, as músicas tiveron que interpretar algunhas pezas tocando a pata coxa ou a toda velocidade ou poñer a gaita na cabeza, o que provocou risas e complicidade entre artistas e asistentes.
Foi unha velada inesquecible, na que bailamos, recordamos e gozamos da maxia que só Áureas é capaz de transmitir.
