Durante as vacacións, a nosa biblioteca acolleu unha actividade moi especial destinada ao público infantil: un obradoiro creativo da man de Electra de Pedras de Papel. Nenas, nenos e demais pequechos e pequechas participaron nunha xornada chea de imaxinación e aprendizaxe, onde puideron dar vida ás súas propias criaturas a través do modelado.
A actividade comezou cun exercicio de debuxo, no que cada participante elaborou un boceto do animal que quería crear. A partir desa idea inicial, Electra guiou o proceso para transformar eses debuxos en figuras tridimensionais, empregando papel de xornais e cinta.
Os resultados foron tan diversos como sorprendentes: apareceron cabalos elegantes, gatos curiosos, cervos soñadores, calamares simpáticos e incluso animais completamente inventados, que saíron da imaxinación sen límites dos nenos e nenas asistentes. Algunhas figuras foron tamén pequenas homenaxes aos seus libros favoritos, convertendo as páxinas en volumes con forma e cor.
Foi unha xornada chea de creatividade, expresión artística e convivencia, onde a biblioteca se encheu moita fantasía. Grazas a todas as persoas participantes e a Electra por facer da biblioteca un espazo vivo tamén nas vacacións.



