O pasado xoves 30 de xaneiro, os clubs de lectura da biblioteca realizaron unha visita moi especial á Sala de Teatro Ártika, un espazo escénico en Vigo. Tras a lectura de Los huerfanitos de Santiago Lorenzo, unha novela que retrata con humor as dificultades do mundo teatral, quixemos afondar na realidade dun teatro independente.
Durante a visita, tivemos a oportunidade de coñecer as entrañas do teatro: percorremos o escenario, os espazos técnicos, as oficinas, os camerinos e mesmo a cantina, descubrindo todo o que hai detrás do telón. Ademais, o equipo de Ártika explicounos como se xestiona un teatro privado: as súa fontes de financiamento, o proceso de programación e a importancia da comunicación para atraer público e manter viva a actividade cultural.
Foi unha experiencia enriquecedora que nos permitiu conectar a literatura coa realidade escénica e comprender mellor os retos do sector teatral. Agradecemos a Ártika a súa acollida e agardamos volver para gozar da maxia do teatro dende as butacas.
No mes de marzo continuaremos as actividades relacionadas coa dramaturxia en colaboración co club de lectura do MARCO, cunha Mesa sobre Teatro na que participarán destacadas personalidades do mundo da escena.
Seguimos a descubrir historias, dentro e fóra dos libros!