Día Mundial da eliminación da violencia contra as mulleres
A violencia exercida contra as mulleres é un dos grandes problemas globais que afecta a todas as sociedades, dá igual en que latitude do mundo nos atopemos. Erradicar esta lacra social é unha das metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, un compromiso das Nacións Unidas que as bilbiotecas públicas asumimos como propio.
Unha das claves para loitar contra este problema e avanzar cara unha igualdade plena é a educación e sensibilización de toda a sociedade, e neste eido as bibliotecas podemos e debemos xogar un papel activo. As bibliotecas somos espazos de formación e información, e nas nosas mans está o poñer a disposición de todas as persoas usuarias recursos necesarios para comprender este problema, recoñecelo e poñerlle solución. Somos tamén espazos de encontro entre a cidadanía, e como tales debemos incorporar a perspectiva de xénero a todas as actividades que desenvolvamos, colaborando así a romper fendas e desigualdades nunha controrna segura, libre e aberta, que fomente o empoderamento das mulleres.
En definitiva, as bibliotecas podemos participar activamente na loita contra as violencias machistas ao proporcionar recursos, educación, apoio e espazos seguros que contribúen a crear conciencia e promover a igualdade efectiva entre todas as persoas.