O 8 de marzo as entidades da Praza da Memoria unímonos para festexar xuntas o Día Internacional da Muller.
Comezamos o acto coa lectura dun poema escrito por Aurora para a ocasión. Coas súas fermosas palabras aínda resoando nos nosos oídos, seguimos coa parte máis festiva da xornada: un tres en raia humano, para amosar que se nos aliñamos pola igualdade a nosa será unha sociedade mellor, e o xogo “Quen dixo que?”, no que tiñamos que relacionar coñecidas frases feministas co libro ou a película na que aparecen. Ademais, a praza encheuse de creativos carteis reivindicativos e ducias de lazos morados. Para rematar, procedimos á lectura en voz alta por parte dos e das usuarias de todas as entidades de exemplos de micromachismo, esas frases e situacións da vida cotiá que son sutís e soen pasar desapercibidas, pero reflicten e perpetúan actitudes machistas e a desigualdade das mulleres respecto aos homes.