A Cris de Caldas encántanlle os contos e o chocolate. Ou o chocolate e os contos, tanto ten. Pero tamén lle gusta a mortadela, como a que levaba o bocadillo que polas tardes lle preparaba de nena a súa avoa Carmela: sacábao do peto do seu mandil e acompañábao dunha boa historia, como por exemplo, a que se agocha detrás do conto dos “Tres porquiños” que todos coñecemos.
Así, e conducidos tamén pola música de Xavi do Camiño, soubemos das dificultades dunha parella de porquiños para atopar unha vivenda no bosque e de como tiveron tres fillos: un maior moi presumido, un mediano un pouco “hippie” e unha pequena moi espelida, que despois dunha mala experiencia cun lobo agochado nun armario, acabou estudando na escola de cantaría para facer unha casa de pedra do país a proba de alimañas…
E para rematar, unha pequena dose de poesía coa que levar ben equilibrada a nosa enerxía!