Historias desde o outro lado da raia
Dani Blanco trouxo consigo unha presiña de contos populares do outro lado desa raia imaxinaria que separa o noso país de Portugal. Acompañamos ao coelliño branco na súa busca de axuda para desaloxar da súa casa á cabra cabrez, que che salta enriba e te parte en tres; soubemos da historia dun pescador que por pedir demasiado ao xenio dos peixes ao que salvara a vida quedou sen nada, e descubrimos o segredo do príncipe que recibira como regalo dunha fada malhumorada unhas grandes orellas de burro.
Para rematar, rimos a cachón coa tola historia do pinto borrachudo e a súa viaxe de ida e volta cunha bolsa chea de moedas de ouro.