Canta, Buguina, canta.
A pasada semana celebramos na biblioteca unha nova sesión de A hora dos contos, o noso proxecto de animación á lectura no que diferentes artistas nos visitan coas súas maletas cheas de historias para fomentar entre o público máis pequeno o gusto polos libros e pola lectura. Nesta ocasión contamos coa presenza de Marta Ortiz, que nos agasallou co seu entrañable espectáculo Canta, Buguina, canta.
A sesión comezou aprendendo distintos tipos de aplausos, un xogo que nos axudou a crear ambiente e preparar o ánimo para a viaxe que estaba a piques de comezar. De seguida apareceu Buguina, a protagonista desta aventura, que nos convidou a soprar ben forte para iniciar unha travesía polo mar. A bordo dun barquiño de pau chegamos a unha illa chea de vida, onde coñecemos caracois, galiñas poñedoras, vacas e outros animais que nos fixeron rir e participar activamente.
Continuamos a historia coa aparición dunha vella e dun vello que traballaban na súa viña, situada detrás da casiña, ao pé dunha pedra moi especial. Esa pedra recibía visitas de todo tipo: desde unha cabra lambona que comía a piña ata un pequeno lume traveso que tiña moito que contar.
Entre cancións para durmir, xogos coa marea, risas e movemento, tamén fixemos barquiños de papel para seguir viaxando coa imaxinación. Na despedida achegáronse a nós unha medusa danzarina e un simpático cangrexo ermitán, poñendo o broche final a unha tarde máxica.
Canta, Buguina, canta foi unha experiencia doce e chea de poesía, perfecta para a primeira infancia e para seguir sementando o amor pola lectura. Esperamos repetir moi pronto!
