Marta Ortiz ofreceunos na biblioteca o seu espectáculo de contos nesta nova sesión de contos para público infantil. Foi unha xornada chea de xogos visuais e de mans, de cancións e sobre todo de contos… todo isto regado pola maxia e sutileza que pon Marta en cada unha das súas sesións.
Aprendemos a facer unha sintonía todos xuntos batendo de xeito harmónico as nosas mans, movendo os nosos corpos e sumándolles algúns sons dos nosos beizos. Cantamos e aprendemos como o panadeiro amasa e fai pan e tamén aprendemos como dun xeito máxico nacía unha fermosa flor das nosas mans.
Por último, viaxamos polos mares máis profundos nun fermoso barco-zapato de charol vermello sempre acompañado da lúa, pendente en todo momento de nós.