Esta sesión da Hora dos contos estivo chea de bechos
Atenea visitounos co seu espectáculo Bichocas, onde contou a historia dun crocodilo moi peculiar: a diferencia dos seus irmáns, ao noso protagonista non lle gustaba nada a auga nin bañarse nela, así que tivo que argallar o xeito de solucionalo, o que o levou a descubrir que era el en realidade.
Tamén coñecemos a historia de Xaquín e Marta, dúas miñocas obrigadas a entenderse e aprender a convivir xuntas, e a historia do Bufo que non podía durmir polos ruídos do bosque.
E por último escoitamos a historia de Mauro, un oso pardo que vive nos Ancares e que un día espertou da súa longa sesta con moitas ganas dunha aperta, así que procurou e procurou unha por todo o bosque, ata atopar a súa aperta favorita.
Rematamos a sesión de contos cantando todos xuntos unha nova cantiga que nos aprendeu Atenea e que di así:
Polo mar abaixo vai unha formiga
cunha man na testa
e outra na barriga