Encontro con Escritores: Javier Peña

Encontro con Escritores: Javier Peña

O pasado mércores tivemos o pracer de recibir na biblioteca ao escritor Javier Peña, nun encontro cheo de aprendizaxe e emoción. Durante a visita, o autor compartiu con todas as persoas asistentes a súa maneira particular de escribir, afondando no seu proceso creativo e nas investigacións que realiza antes e durante a creación das súas obras. Falounos tamén do mundo das persoas que escriben, contándonos diversas anécdotas que axudan a comprender mellor a realidade literaria desde dentro.

Comentamos as súas tres novelas publicadas: Infelices, Agnes e Tinta invisible. Esta última foi a protagonista principal da conversa, xa que nela Javier Peña consegue entrelazar as historias e vivencias doutras persoas escritoras co seu propio proceso de escritura. A novela destaca tamén pola maneira en que reflexiona sobre o dó, a perda e a morte do pai do propio Javier Peña, mesturando realidade e ficción cun estilo honesto e profundamente humano.

Tamén tivemos ocasión de falar do seu podcast Grandes Infelices, onde continúa explorando o mundo literario a través das vidas e obras de escritoras e escritores cun enfoque próximo e revelador. Comentamos todo o traballo que hai detrás de cada episodio: documentación, guión, gravación e edición, e a súa proxección crecente entre o público.

Foi un encontro enriquecedor que nos permitiu achegarnos ao oficio de escribir desde unha mirada sincera e persoal. Agradecemos moito a súa xenerosidade e o tempo compartido. Agardamos volver contar con el en futuras ocasións para seguir afondando no apaixonante mundo da literatura.

Día do libro infantil

Día do libro infantil

O 2 de abril celebramos na biblioteca o Día do Libro Infantil e Xuvenil cunha visita moi especial: un grupo de 2º de Primaria do CEIP O Pombal achegouse ao noso espazo para conmemorar esta data tan importante para o mundo da lectura.

Dentro do programa de visitas escolares, que este ano ten como fío condutor o mundo dos libros, esta xornada estivo centrada en descubrir, crear e soñar a través das páxinas. As crianzas participantes puideron coñecer mellor como se fan os libros e, o máis emocionante, crear os seus propios! Con moita ilusión, converteron a súa imaxinación en historias, pasando a ser autoras, autores e ilustradoras e ilustradores das súas propias obras. Cada libro foi único, cheo de cores, contos e creatividade.

Para rematar esta celebración tan especial, tivemos unha sorpresa que fixo brillar os ollos das crianzas: cada unha levou para a casa un libro de agasallo, para seguir lendo, soñando e medrando rodeadas de historias.

Contos DakÍ: Quico Cadaval

Contos DakÍ: Quico Cadaval

Esta tarde seguimos a nosa programación de Contos Dakí, aínda que contamos coa presenza da borrasca Martinho, o público non deixou de asistir para escoitar a un dos grandes narradores da cultura galega.

Nesta sesión comezamos co oficio máis antigo do mundo enlazando con historias relacionadas co pavillón Lino da Coruña, en versión Quico Cadaval e verión Manolo Rivas; sen deixar de coñecer a infinidade de personaxes como "Manuel de Mos", o "Borrachón de Corme", ou a relación da cupletista "Raquel Meller" e as "Hermanitas Desamparadas"; quedando claro que ante algún problema o que hai que dicir é “Cultura y no joderla”.

A música correu a cargo da orquestra "Nuevas Ideas" de Corme.

Día da Poesía. Recital poético de Masha Álvarez

Día da Poesía. Recital poético de Masha Álvarez

Onte celebramos na biblioteca o Día da Poesía da man de Masha Álvarez, unha das voces revelación da poesía contemporánea galega, que nos presentou o seu poemario Dakota.

Nada en Vigo, licenciada en Filoloxía Inglesa e profesora de Ensino Secundario, en 2018 Masha viaxou de Galicia a Dakota do Sur, nos Estados Unidos, para traballar durante dous anos como profesora de español. Froito desa experiencia, e da reflexión sobre os contrastes entre as dúas realidades, naceu Dakota, obra coa que foi galardoada co XV Premio de Poesía Victoriano Taibo e que o xurado definiu como "unha audaz xeopoética do desarraigamento".

Os seus versos, cheos de imaxes evocadoras que conectan o cotiá co universal, exploran as fronteiras físicas e emocionais entre Norteamérica e Galicia, transitando por sentimentos como a identidade, o noso lugar no mundo ou a memoria.

"A TÍA TERESA ten 93 anos
aínda lle queda unha irmá na Arxentina
Ela cóntame cousas que non sei
ponme pedriñas dentro
e constrúe unha casa

Necesitamos un lugar"

Masha Álvarez

Achegando Culturas: Día da poesía

Achegando Culturas: Día da poesía

No marco do programa Promociona da Fundación Secretariado Gitano, tivemos unha xornada especial de con motivo do Día da Poesía, na que creamos un lapbook cheo de xogos e actividades literarias moi divertidas. Nenas e nenos, xunto ás nosas compañeiras da Fundación, exploraron diferentes formas de expresión poética: dende os caligramas, onde as palabras se convertían en imaxes, ata os acrósticos, onde cada letra dunha palabra escondía un segredo literario.

Tamén probamos o black poetry, onde transformamos libros vellos en poemas cheos de colorido e de imaxes. Por último, creamos os nosos propios haikus, escoitando os sons da natureza e plasmándoos en versos curtos e fermosos. Foi unha actividade moi creativa e chea de sorpresas.

A xornada permitiu que a rapazada se mergullase no mundo da poesía dun xeito lúdico, facendo os seus propios xogos poéticos, aprendendo e xogando ao mesmo tempo.