O grupo dos xoves do club de lectura, elixiu como peche para este curso, a novela de Domingo Villar, O último barco. Para a última sesión, desde a biblioteca coordinouse unha visita á Escola de Artes e Oficios de Vigo; un dos escenarios imprescindibles na investigación da desaparición de Mónica Andrade.
Acompañados de María Jesús Cuesta, bibliotecaria da institución, coñecemos a historia da escola e contemplamos algunhas das edicións singulares que pertencen ao fondo antigo da biblioteca da EMAO.
*En 1885, os trescentos membros da sociedade benéfica viguesa A Cooperativa acordaron crear unha escola en que se ensinasen diversos oficios artesáns e actividades industriais. Estaban convencidos de que a instrución axudaría ao desenvolvemento das industrias establecidas na cidade e que, ao tempo, daría aos traballadores a oportunidade de abrir os seus propios talleres, tomando ao cargo aprendices e converténdose eles mesmos en empresarios independentes que achegasen prosperidade á abatida economía local. [...]Como a escola pasara a ter titularidade municipal, García Barbón comprometeuse a doar o edificio ao Concello coa única condición de que non se deixase de ofrecer nas aulas ensino técnico gratuíto. En caso contrario, pasaría a mans de quen acreditase ser o seu descendente.
María Jesús foi a encargada de guiarnos ata o obradoiro de cerámica no que nos esperaba, Miguel Vázquez.
*Era pouco máis vello que Caldas e tiña a súa mesma complexión, aínda que unha postura algo cargada facíao parecer máis baixo. O cabelo, moi curto, estaba poboado de canas. Tiña a boca ampla e entornaba os ollos ao mirar. [...] Caldas lera nalgún lado unha máxima de John Ford: “Un actor, máis que faccións fermosas, precisaba dun rostro difícil de esquecer”. O do mestre de cerámica era un daqueles.
Coa paixón e entusiasmo que lle caracteriza, Miguel Vázquez recreou a atmosfera que Domingo Villar describe na súa novela.
A taberna Eligio, como non podía ser doutro xeito, foi o lugar escollido para repousar e compartir impresións da xornada, seguindo os hábitos do inspector Leo Caldas.
*—Algo quentiño —dixo Caldas, e quedou na mesa saboreando a copa de viño branco e observando os cadros que decoraban as paredes de pedra do Elixio. Moitos levaban décadas colgados no mesmo lugar e varios dos pintores morreran. Sabía que non atoparía a espiral alí, pero non puido evitar fixarse en todas as firmas. Xunto a unhas Meninas de Barreiro, un óleo de Ramón Rivas mostraba unha muller deitada.
Agradecer á Escola de Artes e Oficios, á taberna Eligio e a Miguel Vázquez por colaborar coa biblioteca no proxecto Mapa Literario de Vigo co obxectivo de amosar a importancia da nosa cidade na literatura.
*Fragmentos: O último barco, Domingo Villar