Este ano o Día das Letras Galegas homenaxea ao escritor Ricardo Carvalho Calero. Despois de moitos anos reivindicando a súa figura, este 2020 foi o autor escollido para a conmemoración. Sen embargo, debido á situación que estamos a vivir, decidiuse adiar a data de celebración dos actos oficiais ao 31 de outubro, día despois da celebración do 110 aniversario do escritor ferrolán.
Agora ben, isto é como se mudaran o Entroido para agosto, ou San Xoán para decembro; nós sabemos que o 17 de maio é O Día das Letras Galegas e o corpo pídechas…
Así que dende a biblioteca queremos celebralo amosando pequenas pinceladas do noso idioma, verbas ou ditos que nos caracterizan como galegos alí onde imos. De igual maneira que o fai o feito de que levemos unha chaquetiña por se refresca aínda que esteamos nun paraíso tropical a 45º, ou que sexamos incapaces de comer o derradeiro anaco que queda dunha ración compartida.
É por iso que hoxe (igual ca o resto do ano) #EuFaloGalego #ConSentidiño.