O 2 de abril celebramos na biblioteca o Día do Libro Infantil e Xuvenil cunha visita moi especial: un grupo de 2º de Primaria do CEIP O Pombal achegouse ao noso espazo para conmemorar esta data tan importante para o mundo da lectura.
Dentro do programa de visitas escolares, que este ano ten como fío condutor o mundo dos libros, esta xornada estivo centrada en descubrir, crear e soñar a través das páxinas. As crianzas participantes puideron coñecer mellor como se fan os libros e, o máis emocionante, crear os seus propios! Con moita ilusión, converteron a súa imaxinación en historias, pasando a ser autoras, autores e ilustradoras e ilustradores das súas propias obras. Cada libro foi único, cheo de cores, contos e creatividade.
Para rematar esta celebración tan especial, tivemos unha sorpresa que fixo brillar os ollos das crianzas: cada unha levou para a casa un libro de agasallo, para seguir lendo, soñando e medrando rodeadas de historias.