O pasado mércores tivemos o pracer de recibir na biblioteca ao escritor Javier Peña, nun encontro cheo de aprendizaxe e emoción. Durante a visita, o autor compartiu con todas as persoas asistentes a súa maneira particular de escribir, afondando no seu proceso creativo e nas investigacións que realiza antes e durante a creación das súas obras. Falounos tamén do mundo das persoas que escriben, contándonos diversas anécdotas que axudan a comprender mellor a realidade literaria desde dentro.
Comentamos as súas tres novelas publicadas: Infelices, Agnes e Tinta invisible. Esta última foi a protagonista principal da conversa, xa que nela Javier Peña consegue entrelazar as historias e vivencias doutras persoas escritoras co seu propio proceso de escritura. A novela destaca tamén pola maneira en que reflexiona sobre o dó, a perda e a morte do pai do propio Javier Peña, mesturando realidade e ficción cun estilo honesto e profundamente humano.
Tamén tivemos ocasión de falar do seu podcast Grandes Infelices, onde continúa explorando o mundo literario a través das vidas e obras de escritoras e escritores cun enfoque próximo e revelador. Comentamos todo o traballo que hai detrás de cada episodio: documentación, guión, gravación e edición, e a súa proxección crecente entre o público.
Foi un encontro enriquecedor que nos permitiu achegarnos ao oficio de escribir desde unha mirada sincera e persoal. Agradecemos moito a súa xenerosidade e o tempo compartido. Agardamos volver contar con el en futuras ocasións para seguir afondando no apaixonante mundo da literatura.