A Biblioteca Xosé Neira Vilas participou o pasado 15 de maio na III Xuntanza de Bibliotecas, Arquivos e Centros de Documentación de Vigo organizada polo MARCO
Nesta xornada, na que participaron unha vintena de representantes de distintas entidades da cidade, puidemos “crear lazos, facer rede e establecer colaboracións futuras” tal e como explicou Iria Fernández, responsable da biblioteca do MARCO.
Ademais, tivemos a oportunidade de coñecer máis de cerca o traballo que realizan distintos centros, como a Biblioteca da Fundación ONCE, que nos presentou os diferentes materais dos seus fondos da man de Lorena Fernández e Rocío Torres. Tamén Yolanda Sanmartín explicou o cometido, case descoñecido para o público en xeral, das bibliotecas hospitalarias, neste caso a do Álvaro Cunqueiro. Ademais, puidemos achegarnos ao traballo realizado no Arquivo da Fundación Penzol con Benito Ramírez, ao Portal da Investigación da Biblioteca da Universidade de Vigo a través de Gerardo Marraud e aos fondos documentais do Museo da Conserva da man de Mariña López.
Dende a Biblioteca do MARCO, Marta Viana presentou o proxecto de Bibliotecas Humanas, nas que os presos de A Lama contan e amosan as súas historias de vida. Abrindo a xornada, como centro convidado estivo presente a Biblioteca de Betanzos, que en 2023 foi galardoada co Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia. O seu director, Ángel Arcay, explicou este proxecto e o labor que realizan no Arquivo e no Museo das Mariñas ao redor da historia de Betanzos.
Pola nosa parte, presentamos o proxecto “A Biblioteca Neira Vilas, unha biblioteca Social” no que falamos do compromiso social e das distintas vías de traballo coa comunidade que se realiza dende unha biblioteca de proximidade como é a nosa. Demos a coñecer algúns dos nosos programas estables, como as Visitas Escolares, Achegando Culturas (en colaboración co Secreatriado Xitano) ou Coñecendo a Biblioteca (en colaboración con AFAGA). Finalmente presentamos tamén o proxecto Social Calvario, no que a biblioteca coopera xunto con outras quince entidades do barrio que traballan no ámbito sociocomunitario.
Fotografías: Faro de Vigo, Cortesía de Marta G. Brea