I Encontro sobre lectura como ferramenta transformadora coas comunidades
A Biblioteca Xosé Neira Vilas participou no I Encontro de Lecturas de coidado organizado pola Fundación Uxío Novoneyra que tivo lugar o pasado mes de xaneiro no Hospital Psiquiátrico de Conxo (Santiago de Compostela).
A nosa compañeira Mar García formou parte da mesa “Lectura como ferramenta de intervención coas comunidades” presentando o proxecto “Pasamos consulta”, no que convertemos a nosa biblioteca nun consultorio médico por uns días.
A biblioteca como centro de Atención Primaría
A Neira Vilas como biblioteca de proximidade, trata as afeccións lectoras comúns, traballamos a atención preventiva (ante a desinformación e as “fake News”). Somos os primeiros que atendemos aos usuarios/as antes de derivalos aos centros especializados (bibliotecas especializadas, universitarias..). Permítenos coñecer aos nosos usuarios/as e as súas necesidades lectoras e loitar contra outras doenzas, como pode ser a soidade non desexada.
Tamén temos atención pediátrica no noso centro, o que nos permite levar un control da saúde lectora dende que nacen.
Ademais contamos con outros servizos relacionadas coa biblioterapia como son o Servizo de préstamo a domicilio ou o Servizo de asesoramento ad hoc, co que axudamos na xestón dalgúns trámites, como pode ser solicitar citas médicas e o traballo con distintas entidades do ámbito social.
Pasamos consulta
Con motivo do Día das bibliotecas do 2019 realizamos esta acción onde recreamos un consultorio médico dun centro de saúde no que “pasabamos consulta”.
Podíase solicitar cita previa ou se era necesario presentarse na biblioteca como unha urxencia.
No consultorio os pacientes relataban os seus males literarios e as súas doenzas ao persoal bibliotecario, quen tras unha avaliación receitaba a lectura que era máis indicada para o paciente.
Podedes ver o proxecto neste enlace: