Social Calvario está conformada polas entidades de carácter social do barrio do Calvario: CMSS Rivera Atienza, Asociación Érguete, Fundación Érguete – Integración, Fundación Secretariado Xitano, Afaga Alzheimer, Asociación Arela, Down Vigo, Centro Social Rivera Atienza, Igualarte, ASEM Galicia, Asociación Parkinson Vigo, APAMP e Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas.
Neste acto participaron tamén o IES Castelao, a Fundación Juan Soñador, o Centro de día Parque de Castrelos e a Escola Oficial de Idiomas, á que agradecemos a cesión do espazo para celebrar o acto.
Baixo o lema “Libres, fortes e unidas por ti e por todas” realizamos un mural colectivo no que as persoas participantes puideron deixar plasmadas as súas reivindicacións relacionadas con este día, mentres o coro da Asociación Parkinson de Vigo interpretaba pezas como “Negra Sombra” de Rosalía de Castro, “Lela” de Castelao ou “Gracias a la vida”, de Violeta Parra.
Finalizamos o acto coa lectura dun manifesto, no que cada entidade aportou a súa visión sobre a situación das mulleres na nosa sociedade, resaltando a dobre discriminación que sofren moitas delas por pertencer a algúns dos colectivos que conforman Social Calvario: mulleres con discapacidade, mulleres maiores, mulleres xitanas, mulleres con poucos recursos… Tamén a biblioteca destacou o papel que servizos como os que ofertamos poden facer en favor da igualdade:
“No Día Internacional da Muller, e todos os días, as bibliotecas unímonos á causa feminista e celebramos a forza e avances conseguidos polas mulleres, mais sabemos que aínda queda moito camiño por percorrer na loita pola igualdade. Por iso, as bibliotecas podemos e debemos xogar un papel activo na ruptura de fendas e desigualdades, contribuíndo ao empoderamento das mulleres a través dos nosos recursos, coleccións e programas de formación ou ocio, no marco de espazos seguros e abertos a todas. Así, o acceso á información, á formación e á cultura fainos libres e fortes nun lugar de encontro como a biblioteca, que fomenta a creación de lazos e redes de colaboración. Porque Libres, Fortes e Unidas podemos conseguilo.”