Durante as vacacións de Nadal, a biblioteca converteuse nun espazo de creación e aprendizaxe grazas ao obradoiro dedicado a Castelao e ao teatro de máscaras, da man da compañía LaGriot’te. Esta compañía galego-andaluza, fundada en Londres por Nazan L. Bamio e Sandra Gade, rende homenaxe ás Griots, as persoas encargadas de manter viva a memoria, a cultura e as historias dun pobo.
O obradoiro achegou aos nenos e nenas á figura de Castelao e ao seu innovador traballo teatral, especialmente á obra Os vellos non deben de namorarse. A través dunha breve presentación inicial, descubriron quen foi Castelao, que é o teatro de máscaras e coñeceron o traballo plástico que o propio autor realizou para esta peza.
A actividade desenvolveuse en diferentes bloques. Primeiro, os participantes experimentaron coa máscara neutra, unha careta branca que, a través do xogo e do movemento, foi cobrando vida e emoción. A continuación, chegou o momento de crear as súas propias máscaras expresivas, transformando as máscaras neutras en personaxes cheos de alegría, tristura, enfado ou abraio. Finalmente, aprenderon a darlles vida mediante o corpo e o movemento, descubrindo a linguaxe propia do teatro de máscaras.
Foi un obradoiro divertido, creativo e participativo, que permitiu achegar o legado de Castelao ás novas xeracións dun xeito lúdico e inesquecible pechando así o 2025, Ano de Castelao.
