Novembro é o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, así que o pasado 29, a Neira Vilas acolleu un obradoiro moi especial en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC e a súa Unidade de Cultura Científica. A través dunha presentación dinámica, descubrimos o sorprendente universo das microalgas mariñas: seres microscópicos, invisibles a simple vista, pero fundamentais para a vida nos mares e océanos.
Aprendemos como estas pequenas algas alimentan a gran maioría dos ecosistemas mariños e mesmo poden crear espectaculares “mareas de cores” cando a súa concentración aumenta, dando lugar, por exemplo, ás coñecidas mareas vermellas. Tamén coñecemos algunhas especies que producen toxinas e que poden afectar ao marisqueo na nosa contorna.
A actividade combinou imaxes proxectadas, explicacións adaptadas ao público familiar e unha pequena colección de modelos 3D traídos polo equipo investigador, que nos permitiron observar e tocar as microalgas a grande escala. Para rematar, cada participante elaborou un móbil decorativo coas distintas especies descubertas, levando consigo un anaco deste fascinante mundo microscópico.
Unha experiencia divertida, sensorial e divulgativa para achegarnos á ciencia dun modo sinxelo e inspirador.


