Despois de dous anos viaxando de cole en cole coas nosas maletas cheas de historias, chegou o momento de que as visitas escolares regresen á biblioteca, así que este curso agardámosvos con moitas sorpresas e un “universo de contos”.
Esta tempada o fío condutor das actividades será o Universo, e nelas descubriremos os segredos máis fascinantes do cosmos. Percorreremos galaxias, atoparemos novas estrelas, viaxaremos a lonxanos planetas e escoitaremos algunhas curiosidades sobre…
A estrela Rosalíadecastro
Nun acto celebrado o 17 de decembro de 2019 en París, a Unión Astronómica Internacional (IAU, polas siglas en inglés) fixo públicos os resultados oficiais das 112 campañas nacionais “NameExoWorlds”. Dende esa data hai unha estrela no ceo que oficialmente ten o nome de ROSALÍADECASTRO.
A estrela Rosalíadecastro é unha anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiuco, o Serpentario. O seu exoplaneta Ríosar foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela.
As Osas do noso ceo marcan o Norte
No ceo podemos observar durante todo o ano a unha osa grande e outra máis pequena en forma de constelacións.
A Osa Menor é moi coñecida no hemisferio norte porque conta cunha das estrelas máis recoñecida, a estrela Polar. Grazas a esta estrela os navegantes ou os viaxeiros eran capaces de orientarse no seu camiño, xa que esta estrela é a máis próxima ao Polo Norte celeste.
Para atopala, partimos das estrelas do Carro da Osa Maior, Dubhe e Merak. Se debuxamos unha liña entre as dúas e continuamos a liña cinco veces máis a distancia entre elas, atoparémosnos coa Estrela Polar, na punta da cola da Osa Menor.
Boieiro
Boieiro está preto do Carro e podemos atopala ao buscar a súa estrela máis brillante, Arturo, seguindo a curva da lanza do Carro.
Arturo é unha estrela xigante de cor alaranxado, 25 veces máis grande que o sol e unhas 200 veces máis luminosa, polo que é a cuarta estrela máis brillante do ceo.
Na antigüidade Boieiro identificábase cun pastor, nome polo que tamén é coñecida constelación, así como tamén cun cazador ou co fillo de Ceres, a deusa das colleitas.
E moitos máis datos sorprendetes sobre o Universo e as historias literarias que os seus misterios inspiran!!
Se queres saber máis:
Podedes ver todos os libros que temos na biblioteca sobre o Universo neste enlace
Máis información: