Na última sesión de A hora dos contos, a nosa biblioteca encheuse de maxia, cantigas e moitas risas grazas á compañía Pavís Pavós, formada por Terexa e Xacobe. A actividade estivo destinada a crianzas maiores de tres anos, que gozaron dunha tarde chea de historias contadas con humor, ritmo e moita participación.
Durante a sesión, Terexa e Xacobe rifábanse con simpatía quen comezaba cada conto, empregando para iso ditos populares distintos que fixeron rir a pequenas e pequenos… e tamén ás persoas adultas acompañantes!
Entre as historias contadas destacou o conto acumulativo A casa que fixo Xan, onde cada elemento vai engadíndose ao anterior, facendo crecer a narración con enxeño. Tamén escoitamos Xan e Perillán, unha historia tradicional de dous irmáns con corcova que nos levou por camiños de misterio, medo e maxia, con bruxas que manexan os fíos do destino.
Non faltou A vella da botella, unha vella rosmona que nunca estaba conforme con nada, e para rematar, outro conto acumulativo cheo de ritmo: Carmiña, a galiña.
Grazas a Pavís Pavós por esta sesión tan especial e a todas as crianzas e familias que fixeron da biblioteca un lugar onde os contos seguen vivos.