Esta tarde de venres pasámolo xenial coas historias de Raquel Queizás; contos que trataban dun dos protagonistas máis relevantes do conto popular en Galicia, un animal listo, pícaro e que sempre sae ben parado de toda situación complicada: o raposo.
A raposa que veu nesta ocasión a contarnos as súas historias falounos daquela vez que se atopou cun corvo que estaba a comer un pedaciño de queixo, e tamén daquela outra ocasión na que deixou o monte porque tiña moita fame e baixou ata a aldea onde a esperaba unha galiña sabichona e as súas adiviñas.
Tamén tivemos a sorte de coñecer outro gran amigo da raposa, o lobo, un animal que ten moi mala fama por culpa dos contos tradicionais pero que ao final é un ser moi amigable.
Rematamos a tarde como todas as boas festas cantando e bailando e desexando que Raquel regrese pronto para contarnos máis historias.