Este ano Picasso continuamos na biblioteca homenaxeando a este gran artista do S. XX.
Para esta ocasión realizamos un obradoiro para público infantil recreando as máscaras que tanto lle interesaron ao artista malagueño e que serviron de inspiración para a súa obra pictórica.
Tras unha pequena achega á vida e obra de Picasso onde destacamos ese interese do artista polas máscaras africanas e como se viu reflectido ao longo da súa obra en cadros como “Las señoritas de Avignon” ou nalgúns retratos, puxémonos mans á obra. Partindo da técnica de collage fixemos unha máscara cada un de nós onde puxemos a voar a nosa imaxinación e as nosas dotes artísticas.
Para finalizar fixemos un xogo artístico, ao modo dos surrealistas, onde realizamos conxuntamente unha máscara xigante.
Cada membro do equipo tiraba un dado e tiña que realizar a parte da cara (un ollo, o nariz, a forma da cara…) segundo o número que lle saíse.
Estas máscaras quedaron na biblioteca nunha pequena exposición do noso traballo colectivo.