Cada 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.
A edición deste ano, baixo o lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir”, céntrase en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e ao coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos.
Con esta idea en mente, organizamos o venres 22 de outubro dúas actividades coa axuda de cans terapéuticos da man dos profesionais de Con.tacto, un centro especializado en Intervencións Asistidas con Animais que adica os seus esforzos a mellorar a calidade de vida das persoas ao longo de todo o seu ciclo vital.
A primeira sesión, en horario de mañá, realizouse con persoas usuarias de AFAGA (Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia ) e consistiu nun taller de estimulación da memoria, traballando unha serie de ordes que debían transmitir a Logan e Trece, os cadelos que participaron no obradoiro. A través do xogo fomentouse a colaboración, a empatía e a autoestima dos e das participantes.
A sesión da tarde estivo dirixida ao público infantil e consistiu nunha actividade na que a través da lectura promoveuse a concienciación sobre o coidado dos animais e as relacións interpersoais. Ser capaces de entender e atender os sinais que emiten os cans, de tratalos con cariño e respecto, axúdanos a mellorar a forma na que interactuamos co mundo e as persoas que nos rodean.
En definitiva, unha fantástica experiencia a vivida con Logan e Trece na biblioteca, constituída como un lugar de enriquecemento persoal, de descuberta, encontro e convivencia.